Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Padrón retoma as visitas teatralizadas á Casa-Museo Rosalía de Castro todos os sábados de xaneiro e febreiro


 

As inscricións poden realizarse na Oficina de Turismo de Padrón

O Concello de Padrón retoma este sábado 11 de xaneiro as visitas teatralizadas á Casa-Museo Rosalía de Castro, unha iniciativa que terá lugar todos os sábados de xaneiro e febreiro ás 17:00 horas. As visitas están protagonizadas pola compañía de teatro Os Quinquilláns e organizadas o Concello de Padrón no marco do programa O Teu Xacobeo, promovido pola Xunta de Galicia.

Para participar só é preciso anotarse previamente na Oficina de Turismo de Padrón, chamando ao teléfono 646 593 319 ou enviando un mail a turismo@padron.gal. A visita é totalmente gratuíta, se ben o número de prazas está limitado a 35 persoas por representación. De feito, a concelleira de Turismo e Xacobeo 21, Lorena Couso, destaca que “as visitas teatralizadas están a ser todo un éxito. Nas sete visitas realizadas en outubro e novembro participaron máis de duascentas persoas, e incluso temos xente na lista de agarda”.

Nestas postas en escena Os Quinquilláns, encarnando a Rosalía de Castro e ao pintor Modesto Brocos (autor do único retrato pintado en vida da escritora), convidan aos asistentes a percorrer a casa-museo e os seus xardíns, ao tempo que os achegan ao mundo rosaliano. Estas visitas teatralizadas están enmarcadas no proxecto “Camiño Branco de Rosalía”, que o Concello de Padrón desenvolve ao abeiro das axudas do programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.